Hoxe celebramos o "
Día do peón". Vai haber unha exhibición na que poderemos ver as grandes habilidades dos nosos rapaces e repazas facendo bailar a peonza.
No vestíbulo do noso centro podemos gozar coa exposición de peóns decorados por toda a comunidade educativa.Moitas grazas pola vosa importantísima colaboración.
Na "Hora de ler" gozaremos coa lectura de "O peón de buxo" do noso gran escritor Agustín Fernández Paz
Un
peón de buxo
Nos
meus anos de neno, naquela Vilalba da gris década dos cincuenta, o
tempo tiña unha dimensión circular; o paso das estación traía
cada ano as mesmas festas, os mesmos labores comunais e, tamén, os
mesmos xogos. Cando chegaba o tempo dos peóns, meu irmán Luís e
mais eu gozabamos dun singular privilexio. Os outros nenos do barrio
mercaban os seus nas tendas da vila, sobre todo na de Gaioso. Alí
habíaos de diversas formas e tamaños, coas franxas de cores
impecablemente pintadas sobre a madeira clara. Todos moi feitiños e
vistosos, mais ben se notaba que eran “de fábrica”.
O
orgullo meu e de Luís nacía de que os nosos peóns eran distintos:
estaban feitos por meu pai, na carpintería familiar onde traballaban
todos os irmáns.
Pecho
os ollos e aínda podo velo. Meu pai collía un pau de buxo,
suxeitábao no torno que había nun cuarto entre o taller e o
serradoiro e, con aquelas trenchas especiais que tiñamos prohibido
tocar, facía saltar as labras polo aire, ao tempo que o recinto todo
se inundaba co recendo de madeira. E así, co paso dos minutos, ía
aparecendo o peón gardado no corazón do buxo. Despois de lixalo e
de lle colocar a punta metálica, pintáballe unhas liñas vermellas
e verdes, mais imperfectas que as dos do comercio, pero tamén mais
verdadeiras.
Cando
se trataba de lanzar os peóns e ver cal duraba mais tempo, ou cal
durmía mellor (que así lle chamabamos a ese intervalo máxico en
que o peón parece inmóvil, coma si estivese a soñar ou
reconcentrado no seu xiro), quizais non tiñamos ningunha vantaxe
especial. Mais se o xogo consistía nesa especie de combate en que os
xogadores van tirando cadanseu peón, tratando de expulsar os dos
outros do círculo marcado na terra ou no cemento, entón nós eramos
os reis. Era aí, neses choques violentos que remataban tantas veces
coa rotura do trompo adversario, cando tiñamos toda a vantaxe.
Porque o noso podía sufrir croques, ou rabuñaduras superficiais,
pero non quebraba. “É que o do Agustín é de buxo”, dicían os
outros nenos, conscientes da impotencia do seu esforzo.
Desde
hai uns anos, tamén o paso das estacións trae ata min outras
Peonzas. Agora non son de
buxo, senón de papel. Fálanme dos libros que eu quero, forman parte
dun mundo no que me gusta estar. E ás veces, coma hoxe, conseguen
ademais que saían da miña memoria as lembranzas da infancia, os
peóns de buxo, o recendo da madeira, as mans e o acolledor sorriso
de meu pai.