sábado, 29 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO: APADRIÑAMENTO LECTOR

O mes dos libros chega ao seu fin. Durante todo o mes fixemos moitas actividades, rematámolo coa actividade favorita de toda a rapazada: O apadriñamento lector.

LENDAS

A rapazada de cuarto estivo investigando sobre as lendas galegas, fruto da súa investigación é o seguinte traballo.


Seguide traballando.
Parabéns rapaces e rapazas!

viernes, 21 de abril de 2017

CARTA DE BIBLIOMISTOS ÁS FAMILIAS

  
  Estimados/as  nais, pais, avoas, avós...

Gustaríame moito que viñésedes ao colexio, para contar ou ler un conto, á clase do voso fillo ou filla.
Podedes vir calquera día da semana na “Hora de ler” de 10:40 a 11:00 horas.
Espérovos.

Para unha boa organización, por favor indicádenos que día da semana podedes vir, cunha nota que recollerá o/a titor/a




Bibliomistos

jueves, 20 de abril de 2017

ANTÓN CORTIZAS VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Os rapaces e rapazas de segundo gozaron moito, durante o segundo trimestre, lendo dous libros de Antón Cortizas: "Vaia tropa" e "O lapis de Rosalía"




Contestou a todas as nosas preguntas e aprendeunos a deixar voar a nosa imaxinación.

 Moitas grazas Antón.

miércoles, 19 de abril de 2017

DÍA MUNDIAL DO LIBRO

O próximo 23 de abril celebrase o "Día mundial do libro". Escolleuse esta data porque este día, do ano 1616, prodúxose o pasamento de Miguel de Cervantes, Willian Shakespeare e Garcilaso de la Vega.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita un pequeno marcapáxinas cun texto orixinal de Rosalía Fernández Rial


Este ano no noso colexio celebrarémolo o martes cun apadriñamento lector e varias actividades que se farán ao longo de todo o mes.

Invitámosvos a que tamén  participedes nas actividades que organizan as Bibliotecas Municipais co gallo desta celebración. 

viernes, 7 de abril de 2017

Reto: Limerick

Bibliomistos enviou unha carta a todo o alumnado. Nesta carta invita a todo o alumnado a que participen nun reto. 

Animádevos



 Ola rapaces e rapazas:
   Quero darvos os parabéns polo moito que traballastes para o Recital de poesía. Encantoume.
Non coñecía os ”Limerick” e estiven buscando información sobre eles. Son moi divertidos!
Vouvos propoñer un reto:
Porque non creades vos Limericks en galego, inglés ou castelán e os traedes á Biblioteca?. Entre todos os recibidos seleccionaremos un en cada idioma.
Os axudantes de Biblioteca serán os encargados de elixir os mellores e farán entrega dos premios.
Acordádesvos de como se fai un Limerick?
Esta composición poética está formada por cinco versos, que riman o primeiro co segundo e quinto, e o terceiro co cuarto.
Espérovos na biblioteca


Bibliomistos

 

domingo, 2 de abril de 2017

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

O "Día internacional do libro infantil" celebrase en todo o mundo para conmemorar o nacemento de Hans Christian Andersen.

Presentamosvos o texto e o cartel deseñado para esta celebración.


O autor do cartel é o dibuxante e ilustrador Mikhail Fedorov e o texto o escritor ruso Sergey Makhotin

MEDREMOS CO LIBRO!

Cando era moi neno gustaba de construír casas con bloques e con xoguetes de todo tipo. No canto do tellado, decotío empregaba un libro infantil ilustrado. Nos meus soños, agatuñaba ao interior da casa, deitábame na cama feita cunha caixa de mistos e ollaba para as nubes ou o ceo estrelado. Dependía da ilustración que máis me gustase. De maneira intuitiva, seguín a norma vital de cada neno, que procura crearse un medio cómodo e seguro; e un libro infantil de certo axudaba a conseguilo. Logo medrei, aprendín a ler, e un libro na miña imaxinación comezou a parecer máis unha bolboreta, ou mesmo un paxaro, ca o tellado dunha casa. As páxinas do libro semellaban as ás e crepitaban. Parecía que o libro que xacía na repisa da ventá ía saír voando pola fiestra aberta cara a lugares descoñecidos. Collino e comecei a ler, e o libro comezou a acougar. Logo seguín o libro a outras terras e mundos, expandín así o espazo da miña imaxinación. Que felicidade ter un libro novo nas mans! Ao principio non sabes de que vai. Resistes a tentación de abrir a última páxina. E que ben cheira! É imposible dividir o seu cheiro nos seus compoñentes: tinta de imprenta, cola... Non, non se pode. Un libro ten un cheiro particular, único e emocionante. As puntas dalgunhas páxinas péganse entre elas, coma se o libro aínda non estivese esperto. Esperta cando comezas a lelo. Estás a medrar e o mundo ao teu redor está a facerse máis complicado. Estás enfrontándote a preguntas que ningún adulto está preparado para responder. Con todo, é tan importante que compartas as túas dúbidas e segredos con alguén! E velaquí que chega de novo un libro para te axudar. Moitos de nós nos temos sorprendido pensando “este libro vai sobre min!”. E, de súpeto, o  personaxe favorito parécese a ti. Ten os mesmos problemas e enfróntase a eles con dignidade. E outro personaxe non se che parece en nada, pero queres que sexa o teu modelo a seguir, queres ser igual de valente ou ter o mesmo enxeño. Cando un neno ou nena di “non me gusta ler!”, a min dáme a risa. Non lles creo. Seguro que comen xelados, xogan a xogos e ven películas interesantes. Noutras palabras: gústalles divertirse. E ler non é un traballo duro de cara a desenvolver os sentimentos e a personalidade, o que é, antes que nada, é un gran pracer. E, para iso, especialmente, é para o que os autores escribimos libros infantís!

Sergey Makhotin

Traducción: Sabela González Panizo




sábado, 1 de abril de 2017

OS NOSOS EXPERIMENTOS

Os rapaces e rapazas de cuarto convertéronse nuns auténticos científicos. Realizaron varios experimentos físicos e químicos: mezclas heteroxéneas, cambios de estado, reaccións químicas... Observade o ben que o pasaron.